martes, 1 de outubro de 2013

De aquí, xusto e ecolóxico desde a óptica das culturas

A cultura é unha metonimia

Pídeseme, nada máis e nada menos, que aporte nunha presada de liñas unhas ideas desde a perspectiva do activismo cultural sobre o que de semellante isto ten cun proxecto que trata de pór en valor o noso medio rural de maneira xusta e medioambientalmente sustentábel.

Non dou feito.

Non dar feito é para min unha das máis fondas e decisivas expresións da nosa cultura. É unha frase que inclúe miles de sentidos, quen a di é sabio para si e sabio para os demais. Se un non dá feito significa que emprendeu unha iniciativa, que se predispuxo diante da construción de algo cara o futuro, que iniciou un proceso.
Por iso teño que explicar que non dou feito porque non é a primeira vez que tento afondar no que culturalmente significa para o noso pobo o rural, a esencia mesma da nosa terra, o que historicamente foi o noso medio ambiente, a paisaxe que coas nosas necesidades fomos quen de moldear ao paso dos anos. Creo, sinceramente, que non é unha empresa fácil. É pura metonimia. Todo o que nos rodea é cultura: desde como lle chamamos ás cousas que comemos até os bailes cos que celebramos o remate dun traballo no campo.

Chego a un punto ao que non quería chegar neste argumento, porque é un punto triste. Se aínda somos culturalmente o pobo que somos, claramente llo debemos ao noso medio rural, onde resistiu a nosa esencia fronte aos intentos, a veces sutís e a veces endiañados, de aniquilar a nosa cultura por parte de mans galegas e estranxeiras. Algo que, desgraciadamente, continúa aínda hoxe en día.
Mais superarmos este punto está, literalmente, nas nosas mans. Por este motivo un proxecto de posta en valor do noso medio rural a través de mecanismos xustos, coherentes e sensíbeis co medio como “De aquí, xusto e ecolóxico” ten unha importancia vital: a curto prazo porque vai propiciar a incorporación de xente nova e nova xente a un medio rural que esmorece afectado dun grave andazo. A medio e longo prazo porque grazas a este proxecto camíñase tamén cara unha revitalización cultural do noso territorio.

Co proxecto botado a andar teño a seguridade de que si se dá feito. 

Xosé Salgado Agrelo
(Presidente da Asociación M de Meira)


Ningún comentario:

Publicar un comentario