xoves, 3 de outubro de 2013

Se até do que comemos depende o futuro da lingua!

Disque somos o que comemos e, si, en boa parte, creo que si..., e o que escoitamos, e o que facemos, e o que vemos, e o que bebemos, e o que lemos... E o que non lemos nin bebemos tamén é determinante para configurar o que somos, claro!

E, para sermos de aquí, para podermos seguir a ser en galego, teremos que comer produtos tamén de aquí? Pois, tamén creo que si...

Imos ver. Cada vez que comemos, por exemplo, pementos envasados procedentes de fóra e mercados nunha grande área comercial, estamos a colaborar, indirectamente e, se cadra, contra a nosa vontade ou, cando menos, coa nosa non consciencia directa, con poñerlle dificultades ao futuro do galego. Do galego en xeral, e da lingua en particular. Co ben que se dan os pementiños na nosa terra!

Vaia ensarillada en que se meteu este!, haberá quen diga... Pois pode que un pouco si, mais a ver se nos damos explicado... Se consumimos produtos que, podendo darse aquí, se producen fóra do país, estamos a prexudicar as/os produtoras/es galegas/os, poñéndolles difícil a súa supervivencia económica e, polo tanto, o futuro do rural galego, isto é, dos espazos onde mellor se conserva o noso idioma. E a isto hai aínda que lle sumar os custos para a sustentabilidade e ambientais do envasado en plástico, do transporte, etc., ademais do custo económico tamén do envasado, do transporte..., e de intermediacións varias que lles restan posibles beneficios a quen produciron os pementos de que falabamos. Todo perdas para nós! En definitiva, mercando eses pementos de fóra e envasados estamos prexudicándonos.

E, quen di pementos, di viño, patacas, conservas, xamón, fabas, ovos ou calquera outra cousa que se poida dar en Galiza.

Que os produtos do país e a lingua galega se retroalimentan? Pois si. Que canta máis produción haxa no país máis lingua galega poderá haber? Pois si. Que canta máis consciencia lingüística haxa, máis produtos galegos se demandarán e máis produción poderá haber no país? Pois si. Que fomentar o galego e os produtos propios, e os produtos propios e o galego, é o xusto e debe ir da man? Pois tamén.

Usamos e fomentamos o galego porque é o noso idioma propio, o que lle corresponde a este pobo, o creado aquí e o que contén unha cosmovisión única, e usámolo e promovémolo por iso e porque historicamente foi apartado, desfavorecido, marxinado..., entón estamos a fomentalo porque traballamos na construción da xustiza social, porque é o xusto. Igual de xusto que comermos o de aquí. O producido, coidado, creado, etiquetado, distribuído, vendido, en lingua galega.

E se usamos o galego porque é o noso, o propio, o creado aquí, o que temos máis próximo, etc., etc., etc., usámolo porque é o..., “eco!”, lóxico. Porque é o lóxico. Porque é o ecolóxico.


Se até do que comemos depende o futuro da lingua!


 Nel Vidal
Técnico en normalización lingüística e presidente da CTNL

martes, 1 de outubro de 2013

De aquí, xusto e ecolóxico desde a óptica das culturas

A cultura é unha metonimia

Pídeseme, nada máis e nada menos, que aporte nunha presada de liñas unhas ideas desde a perspectiva do activismo cultural sobre o que de semellante isto ten cun proxecto que trata de pór en valor o noso medio rural de maneira xusta e medioambientalmente sustentábel.

Non dou feito.

Non dar feito é para min unha das máis fondas e decisivas expresións da nosa cultura. É unha frase que inclúe miles de sentidos, quen a di é sabio para si e sabio para os demais. Se un non dá feito significa que emprendeu unha iniciativa, que se predispuxo diante da construción de algo cara o futuro, que iniciou un proceso.
Por iso teño que explicar que non dou feito porque non é a primeira vez que tento afondar no que culturalmente significa para o noso pobo o rural, a esencia mesma da nosa terra, o que historicamente foi o noso medio ambiente, a paisaxe que coas nosas necesidades fomos quen de moldear ao paso dos anos. Creo, sinceramente, que non é unha empresa fácil. É pura metonimia. Todo o que nos rodea é cultura: desde como lle chamamos ás cousas que comemos até os bailes cos que celebramos o remate dun traballo no campo.

Chego a un punto ao que non quería chegar neste argumento, porque é un punto triste. Se aínda somos culturalmente o pobo que somos, claramente llo debemos ao noso medio rural, onde resistiu a nosa esencia fronte aos intentos, a veces sutís e a veces endiañados, de aniquilar a nosa cultura por parte de mans galegas e estranxeiras. Algo que, desgraciadamente, continúa aínda hoxe en día.
Mais superarmos este punto está, literalmente, nas nosas mans. Por este motivo un proxecto de posta en valor do noso medio rural a través de mecanismos xustos, coherentes e sensíbeis co medio como “De aquí, xusto e ecolóxico” ten unha importancia vital: a curto prazo porque vai propiciar a incorporación de xente nova e nova xente a un medio rural que esmorece afectado dun grave andazo. A medio e longo prazo porque grazas a este proxecto camíñase tamén cara unha revitalización cultural do noso territorio.

Co proxecto botado a andar teño a seguridade de que si se dá feito. 

Xosé Salgado Agrelo
(Presidente da Asociación M de Meira)