xoves, 29 de agosto de 2013

Por que de aquí? por que xusto? por que ecolóxico?, desde a óptica feminista



A dominación masculina sobre as mulleres, artellada no que coñecemos como patriarcado, e a dominación que as sociedades capitalistas exercen sobre a natureza, estrutúranse en estreita complicidade dende as súas orixes.

A división sexual do traballo ven relegando ás mulleres á esfera doméstica e reprodutiva, construíndo o seu rol "natural", o seu mandato de xénero; a esfera pública e o traballo produtivo ficou en mans da masculinidade hexemónica, e é aí onde se xera o poder, a riqueza, a toma de decisións e a valoración social. Os coidados familiares, a crianza de fillas e fillos, a alimentación, a saúde, o afecto, as relacións na comunidade... son caras dunha mesma moeda, a da relación, á que patriarcado e capitalismo negaron o valor. Gratuíto e invisible, o traballo reprodutivo desapareceu das estruturas de poder, da esfera pública, da educación, da ciencia, do discurso.

Da mesma maneira, a natureza, nas sociedade urbanas e industrializadas, convírtese en recurso económico que se ten en conta só na medida en que pode monetarizarse e utilizarse no proceso de acumulación de riqueza. O valor dos ecosistemas o dá a súa mercantilización, todo o demáis queda fóra.

Desta dobre opresión, das mulleres e da natureza, nace unha resistencia cómplice, íntima. Desde a súa posición subalterna, as mulleres ao longo do tempo, cos seus saberes e o seu día a día, conservaron o valor da vida fronte o valor do diñeiro.

Non é casualidade pois que sexan as mulleres as protagonistas nos procesos de construción de alternativas ao sistema dominante, e que, na crise que o atravesa, fagan da súa opresión unha fortaleza na que inspirarse como modelos de cambio. As labregas seguen alimentando os mercados locais e de proximidade cos seus produtos alleos á agricultura a grande escala e manteñen as hortas e as granxas familiares. Nos circuítos curtos de comercialización e a venda directa (mercados, grupos de consumo, caixas semanais...) e todas aquelas experiencias de re-construción colectiva (trocos de sementes, de saberes, de axuda mutua...) teñen as mulleres un papel predominante. Experiencias de resistencia todas elas que, coa súa multiplicación, teñen a capacidade de virar o rumbo das nosas sociedades.

A ética dos coidados pode pasar de ser o molde opresor de xénero a converterse nunha bandeira de loita para repensar o noso presente e dar paso a que as emocións, os afectos, a saúde, a alimentación, a terra, a auga, o ar, as árbores, as sementes, as relacións, os animais... sexan considerados como elementos esenciais da vida, valorados, recoñecidos e respetados na súa xusta medida.

As mulleres, e os homes que queiran e saiban sumarse en corresponsabilidade, temos a chave. É o xusto! E é dende o local dende onde podemos construír realidades alternativas que servan de espello no que mirar ese outro mundo posible.


Lara Alfaro. Sindicato Labrego Galego.


xoves, 22 de agosto de 2013

Próximo obradoiro no Barco de Valdeorras

Xa podedes anotarvos na próxima edición do obradoiro "de aquí, xusto e ecolóxico" que será no Barco de Valdeorras os días 6 e 7 de setembro en horario de tarde.

Celebrarase na aula de informatica, que está na Praza do Concello nº2, 2º andar do Barco.

Lembrade que para anotarvos só tedes que cubrir o seguinte formulario.

Agardámosvos

xoves, 8 de agosto de 2013

Por que de aquí, xusto e ecolóxico dende o punto de vista do comercio xusto e a cooperación



O concepto de comercio xusto ten variado substancialmente desde a súaa creación, hai xa unha chea de anos, ata a actualidade. A día de hoxe case ninguén cuestiona que un comercio xusto de produtos importados de comunidades en desenvolvemento no Sur non ten porque entrar en competencia cos produtos cercanos, senón que, moi ao contrario, o comercio xusto serve de marco definitorio sobre o que é xusto para produtores e consumidores tamén aquí no Norte.
Existe pois, unha necesaria cooperación entre o concepto de comercio xusto máis clásico e a defensa dun mundo rural vivo, dunha produción ecolóxica no noso entorno, sen máis desprazamentos nin intermediarios que os necesarios e, en definitiva, da soberanía alimentaria para os pobos, tanto no Sur coma no Norte.
Podemos escoller produtos cercanos, ecolóxicos e de calidade, nos mercados locais, tendas de barrio, de comercio xusto, cooperativas de consumidores, etc.; e a continuación escoller, mediante a figura dos círculos concéntricos, o resto de produtos que non atopamos aquí, preferindo igualmente os de comercio xusto, ecolóxicos ou artesanais, de pequenos produtores, e evitando as multinacionais e as grandes cadeas de distribución alimentaria.
O noso xeito de consumir condiciona, por tanto, o dereito das persoas produtoras a vivir dignamente do seu traballo e permite reivindicar desde as que somos consumidoras o dereito a saber o que mercamos, a non apoiar situacións de explotación tanto das persoas como do planeta e a consumir produtos bos e seguros para a nosa saúde.
Polo tanto de aquí, xusto e ecolóxico xorde, ao mesmo tempo, como necesidade e oportunidade nunha situación de crise na que temos que deixar de cavar no pozo e construír presente e futuro baseados en tres patas que son:
  • De aquí, polo feito de apostar polo que temos máis preto.
  • Xusto, por facermos unha sociedade máis equilibrada e solidaria.
  • Ecolóxico, pola necesidade de vivir nun territorio máis sostible.
A súa mistura nun contexto local e nunha visión global, permiten aproveitar as experiencias positivas de desenvolvemento rural para tecer as bases dunha cooperación que non distingue de fronteiras e si de persoas.


Asdo. Lucía Medina e Xabier Bruña

luns, 5 de agosto de 2013

Reflexións 1_Comercio Xusto Local: Do Comercio Xusto ao Consumo Responsable

Comercio Xusto Local: Do Comercio Xusto ao Consumo Responsable. Esta é a primeira presentación sobre a que vos convidamos a reflexionar.

Para acceder a ela pinchade aquí.

Está elaborada polo noso compañeiro da Cova da Terra Ringo Bruña e contén información crítica e de alternativas de moito interese.


Agradecemos a Ringo a súa colaboración e seguimos adiante. Esperamos sexa do voso interese.