xoves, 3 de outubro de 2013

Se até do que comemos depende o futuro da lingua!

Disque somos o que comemos e, si, en boa parte, creo que si..., e o que escoitamos, e o que facemos, e o que vemos, e o que bebemos, e o que lemos... E o que non lemos nin bebemos tamén é determinante para configurar o que somos, claro!

E, para sermos de aquí, para podermos seguir a ser en galego, teremos que comer produtos tamén de aquí? Pois, tamén creo que si...

Imos ver. Cada vez que comemos, por exemplo, pementos envasados procedentes de fóra e mercados nunha grande área comercial, estamos a colaborar, indirectamente e, se cadra, contra a nosa vontade ou, cando menos, coa nosa non consciencia directa, con poñerlle dificultades ao futuro do galego. Do galego en xeral, e da lingua en particular. Co ben que se dan os pementiños na nosa terra!

Vaia ensarillada en que se meteu este!, haberá quen diga... Pois pode que un pouco si, mais a ver se nos damos explicado... Se consumimos produtos que, podendo darse aquí, se producen fóra do país, estamos a prexudicar as/os produtoras/es galegas/os, poñéndolles difícil a súa supervivencia económica e, polo tanto, o futuro do rural galego, isto é, dos espazos onde mellor se conserva o noso idioma. E a isto hai aínda que lle sumar os custos para a sustentabilidade e ambientais do envasado en plástico, do transporte, etc., ademais do custo económico tamén do envasado, do transporte..., e de intermediacións varias que lles restan posibles beneficios a quen produciron os pementos de que falabamos. Todo perdas para nós! En definitiva, mercando eses pementos de fóra e envasados estamos prexudicándonos.

E, quen di pementos, di viño, patacas, conservas, xamón, fabas, ovos ou calquera outra cousa que se poida dar en Galiza.

Que os produtos do país e a lingua galega se retroalimentan? Pois si. Que canta máis produción haxa no país máis lingua galega poderá haber? Pois si. Que canta máis consciencia lingüística haxa, máis produtos galegos se demandarán e máis produción poderá haber no país? Pois si. Que fomentar o galego e os produtos propios, e os produtos propios e o galego, é o xusto e debe ir da man? Pois tamén.

Usamos e fomentamos o galego porque é o noso idioma propio, o que lle corresponde a este pobo, o creado aquí e o que contén unha cosmovisión única, e usámolo e promovémolo por iso e porque historicamente foi apartado, desfavorecido, marxinado..., entón estamos a fomentalo porque traballamos na construción da xustiza social, porque é o xusto. Igual de xusto que comermos o de aquí. O producido, coidado, creado, etiquetado, distribuído, vendido, en lingua galega.

E se usamos o galego porque é o noso, o propio, o creado aquí, o que temos máis próximo, etc., etc., etc., usámolo porque é o..., “eco!”, lóxico. Porque é o lóxico. Porque é o ecolóxico.


Se até do que comemos depende o futuro da lingua!


 Nel Vidal
Técnico en normalización lingüística e presidente da CTNL

martes, 1 de outubro de 2013

De aquí, xusto e ecolóxico desde a óptica das culturas

A cultura é unha metonimia

Pídeseme, nada máis e nada menos, que aporte nunha presada de liñas unhas ideas desde a perspectiva do activismo cultural sobre o que de semellante isto ten cun proxecto que trata de pór en valor o noso medio rural de maneira xusta e medioambientalmente sustentábel.

Non dou feito.

Non dar feito é para min unha das máis fondas e decisivas expresións da nosa cultura. É unha frase que inclúe miles de sentidos, quen a di é sabio para si e sabio para os demais. Se un non dá feito significa que emprendeu unha iniciativa, que se predispuxo diante da construción de algo cara o futuro, que iniciou un proceso.
Por iso teño que explicar que non dou feito porque non é a primeira vez que tento afondar no que culturalmente significa para o noso pobo o rural, a esencia mesma da nosa terra, o que historicamente foi o noso medio ambiente, a paisaxe que coas nosas necesidades fomos quen de moldear ao paso dos anos. Creo, sinceramente, que non é unha empresa fácil. É pura metonimia. Todo o que nos rodea é cultura: desde como lle chamamos ás cousas que comemos até os bailes cos que celebramos o remate dun traballo no campo.

Chego a un punto ao que non quería chegar neste argumento, porque é un punto triste. Se aínda somos culturalmente o pobo que somos, claramente llo debemos ao noso medio rural, onde resistiu a nosa esencia fronte aos intentos, a veces sutís e a veces endiañados, de aniquilar a nosa cultura por parte de mans galegas e estranxeiras. Algo que, desgraciadamente, continúa aínda hoxe en día.
Mais superarmos este punto está, literalmente, nas nosas mans. Por este motivo un proxecto de posta en valor do noso medio rural a través de mecanismos xustos, coherentes e sensíbeis co medio como “De aquí, xusto e ecolóxico” ten unha importancia vital: a curto prazo porque vai propiciar a incorporación de xente nova e nova xente a un medio rural que esmorece afectado dun grave andazo. A medio e longo prazo porque grazas a este proxecto camíñase tamén cara unha revitalización cultural do noso territorio.

Co proxecto botado a andar teño a seguridade de que si se dá feito. 

Xosé Salgado Agrelo
(Presidente da Asociación M de Meira)


xoves, 12 de setembro de 2013

Queres anotarte nalgún obradoiro??

   

Pois iso, se queres anotarte nalgún dos obradoiros que quedan deixámoste aquí os links e as datas para que poidas facelo:

-18 e 19 de setembro, Verín: podes anotarte aquí. Neste intre quedan poucas prazas dispoñibles
Onde se celebrará?: na Casa da Xuventude que está na Avda de Portugal nº 11.

- 26 e 27 de setembro, Ribadeo: podes anortate aquí. Quedan tamén poucas prazas.
Onde se celebrará? Na Aula de Cultura Rúa del Viejo Pancho 12, ao lado da pastelería "A Candelaria"

- 2 e 3 de outubro, Baio (Zas): podes anotarte aquí. Celebrarase no Centro Sociocultural de Baio na Rúa Polideportivo s/n de Baio.

- 9 e 10 de outubro, Rianxo: podes anotarte aquí. Será no Centro Sociocultural Auditorio que está na rua Autores da Rianxeira de Rianxo.


Levamos xa varios, e os resultados están sendo moi enriquecedores, según nos falan as avaliacións e tamén para o equipo de traballo que vivimos unha experiencia diferente con cada grupo. Animádevos!





luns, 9 de setembro de 2013

Próximo obradoiro, Verín.

Despois da boa experiencia do Barco de Valdeorras a próxima parada será esta semana na Estrada (os días 11 e 12, onde volveremos a realizar unha nova edición do obradoiro.
Podedes anotarvos aquí, porque aínda queda algunha praza.


A seguinte semana estaremos en Verín. Quedan xa poucas prazas pero aínda podedes anotarvos. Será os días 18 e 19 de setembro en horario de tarde (de 16 a 21 horas).

Celebrarase na Casa da Xuventude, situado na Avenida Portugal, 11, ao lado de Protección Civil.


Para anotarvos chamar ao 698 16 17 60 ou escribir a formacioncova@outlook.com


Agardámosvos!!

martes, 3 de setembro de 2013

O 11 e 12 de setembro na Estrada

Xa podedes anotarvos na próxima edición do obradoiro "de aquí, xusto e ecolóxico" que será na Estrada os días 11 e 12 de setembro en horario de tarde.

Celebrarase na sede do Museo do Moble e da Madeira da Estrada, situado na Avenida Benito Vigo, ao lado de Protección Civil.
Podedes atopar máis información sobre o lugar aquí

Lembrade que para anotarvos só tedes que cubrir o seguinte formulario


Agardámosvos!!

xoves, 29 de agosto de 2013

Por que de aquí? por que xusto? por que ecolóxico?, desde a óptica feminista



A dominación masculina sobre as mulleres, artellada no que coñecemos como patriarcado, e a dominación que as sociedades capitalistas exercen sobre a natureza, estrutúranse en estreita complicidade dende as súas orixes.

A división sexual do traballo ven relegando ás mulleres á esfera doméstica e reprodutiva, construíndo o seu rol "natural", o seu mandato de xénero; a esfera pública e o traballo produtivo ficou en mans da masculinidade hexemónica, e é aí onde se xera o poder, a riqueza, a toma de decisións e a valoración social. Os coidados familiares, a crianza de fillas e fillos, a alimentación, a saúde, o afecto, as relacións na comunidade... son caras dunha mesma moeda, a da relación, á que patriarcado e capitalismo negaron o valor. Gratuíto e invisible, o traballo reprodutivo desapareceu das estruturas de poder, da esfera pública, da educación, da ciencia, do discurso.

Da mesma maneira, a natureza, nas sociedade urbanas e industrializadas, convírtese en recurso económico que se ten en conta só na medida en que pode monetarizarse e utilizarse no proceso de acumulación de riqueza. O valor dos ecosistemas o dá a súa mercantilización, todo o demáis queda fóra.

Desta dobre opresión, das mulleres e da natureza, nace unha resistencia cómplice, íntima. Desde a súa posición subalterna, as mulleres ao longo do tempo, cos seus saberes e o seu día a día, conservaron o valor da vida fronte o valor do diñeiro.

Non é casualidade pois que sexan as mulleres as protagonistas nos procesos de construción de alternativas ao sistema dominante, e que, na crise que o atravesa, fagan da súa opresión unha fortaleza na que inspirarse como modelos de cambio. As labregas seguen alimentando os mercados locais e de proximidade cos seus produtos alleos á agricultura a grande escala e manteñen as hortas e as granxas familiares. Nos circuítos curtos de comercialización e a venda directa (mercados, grupos de consumo, caixas semanais...) e todas aquelas experiencias de re-construción colectiva (trocos de sementes, de saberes, de axuda mutua...) teñen as mulleres un papel predominante. Experiencias de resistencia todas elas que, coa súa multiplicación, teñen a capacidade de virar o rumbo das nosas sociedades.

A ética dos coidados pode pasar de ser o molde opresor de xénero a converterse nunha bandeira de loita para repensar o noso presente e dar paso a que as emocións, os afectos, a saúde, a alimentación, a terra, a auga, o ar, as árbores, as sementes, as relacións, os animais... sexan considerados como elementos esenciais da vida, valorados, recoñecidos e respetados na súa xusta medida.

As mulleres, e os homes que queiran e saiban sumarse en corresponsabilidade, temos a chave. É o xusto! E é dende o local dende onde podemos construír realidades alternativas que servan de espello no que mirar ese outro mundo posible.


Lara Alfaro. Sindicato Labrego Galego.


xoves, 22 de agosto de 2013

Próximo obradoiro no Barco de Valdeorras

Xa podedes anotarvos na próxima edición do obradoiro "de aquí, xusto e ecolóxico" que será no Barco de Valdeorras os días 6 e 7 de setembro en horario de tarde.

Celebrarase na aula de informatica, que está na Praza do Concello nº2, 2º andar do Barco.

Lembrade que para anotarvos só tedes que cubrir o seguinte formulario.

Agardámosvos

xoves, 8 de agosto de 2013

Por que de aquí, xusto e ecolóxico dende o punto de vista do comercio xusto e a cooperación



O concepto de comercio xusto ten variado substancialmente desde a súaa creación, hai xa unha chea de anos, ata a actualidade. A día de hoxe case ninguén cuestiona que un comercio xusto de produtos importados de comunidades en desenvolvemento no Sur non ten porque entrar en competencia cos produtos cercanos, senón que, moi ao contrario, o comercio xusto serve de marco definitorio sobre o que é xusto para produtores e consumidores tamén aquí no Norte.
Existe pois, unha necesaria cooperación entre o concepto de comercio xusto máis clásico e a defensa dun mundo rural vivo, dunha produción ecolóxica no noso entorno, sen máis desprazamentos nin intermediarios que os necesarios e, en definitiva, da soberanía alimentaria para os pobos, tanto no Sur coma no Norte.
Podemos escoller produtos cercanos, ecolóxicos e de calidade, nos mercados locais, tendas de barrio, de comercio xusto, cooperativas de consumidores, etc.; e a continuación escoller, mediante a figura dos círculos concéntricos, o resto de produtos que non atopamos aquí, preferindo igualmente os de comercio xusto, ecolóxicos ou artesanais, de pequenos produtores, e evitando as multinacionais e as grandes cadeas de distribución alimentaria.
O noso xeito de consumir condiciona, por tanto, o dereito das persoas produtoras a vivir dignamente do seu traballo e permite reivindicar desde as que somos consumidoras o dereito a saber o que mercamos, a non apoiar situacións de explotación tanto das persoas como do planeta e a consumir produtos bos e seguros para a nosa saúde.
Polo tanto de aquí, xusto e ecolóxico xorde, ao mesmo tempo, como necesidade e oportunidade nunha situación de crise na que temos que deixar de cavar no pozo e construír presente e futuro baseados en tres patas que son:
  • De aquí, polo feito de apostar polo que temos máis preto.
  • Xusto, por facermos unha sociedade máis equilibrada e solidaria.
  • Ecolóxico, pola necesidade de vivir nun territorio máis sostible.
A súa mistura nun contexto local e nunha visión global, permiten aproveitar as experiencias positivas de desenvolvemento rural para tecer as bases dunha cooperación que non distingue de fronteiras e si de persoas.


Asdo. Lucía Medina e Xabier Bruña

luns, 5 de agosto de 2013

Reflexións 1_Comercio Xusto Local: Do Comercio Xusto ao Consumo Responsable

Comercio Xusto Local: Do Comercio Xusto ao Consumo Responsable. Esta é a primeira presentación sobre a que vos convidamos a reflexionar.

Para acceder a ela pinchade aquí.

Está elaborada polo noso compañeiro da Cova da Terra Ringo Bruña e contén información crítica e de alternativas de moito interese.


Agradecemos a Ringo a súa colaboración e seguimos adiante. Esperamos sexa do voso interese.

luns, 22 de xullo de 2013

EXPERIENCIA 1_ O SEQUEIRO DA PORTELA

Con este post imos comezar a compartir con vós as experiencias, reflexións e ideas que van xurdindo nos diferentes obradoiros, para darlle contido e valor a este medio de comunicación ademais de conseguir que todo o traballado nos obradoiros chegue ao máximo de xente posible.

Comezamos por unha experiencia. O Sequeiro da Portela que estivo con nós no obradoiro que realizamos en Chantada nos días 16 e 17 de xullo.





O Sequeiro da Portela é um pequeno projeto familiar de venda de produtos elaborados com farinha de castanha. Podedes atopar máis información aquí.

O seu proxecto, resúmese nesta presentación que utilizaron no obradoiro. Convidámosvos a que lle botedes un ollo porque se trata dun proxecto moi interesante.

Agardamos vos fora de interese. Seguiremos informando.

mércores, 3 de xullo de 2013

22 e 23 de xullo en Redondela

Despois dunha boa experiencia en Vilalba seguimos convidándovos a participar, esta vez en Redondela

Os días 22 e 23 de xullo, en horario de 16 a 21 horas estaremos cunha nova edición do obradoiro "de aquí, xusto e ecolóxico".

Onde?
Nesta ocasión contamos coa colaboración do Centro de Formación A Marisma 

E lembra, podes inscribirte cubrindo os datos do seguinte formulario:

ou a través do teléfono 698 16 17 60.

Deixamos un resumo dos contidos do obradoiro para refrescar.


En que consiste este obradoiro?
Obxectivo do obradoiro: Achegar as diferentes oportunidades laborais que ofrece o noso rural partindo de conceptos clave como son: a agroecoloxía, a sustentabilidade económica, social e medioambiental, a cooperación e a soberanía alimentaria.
Contidos obradoiro:
Día 1
  • Presentación programa
  • Por que ecolóxico, por que local e por que xusto?
  • Presentación da guía: Como facermos un rural xusto e ecolóxico.
  • Relator/a convidado/a
  • Os recursos locais (tipos e identificación)
Día 2
  • Presentación dunha experiencia de emprendemento de éxito no rural
  • Traballo en grupos
  • Partes dun plan de empresa
  • modelo cooperativo
  • Financiamento alternativo
Un total de 9 obradoiros de sensibilización e formación en diferentes concellos das catro provincias galegas a través dos que achegar á mocidade as oportunidades éticas e socialmente responsables de emprendemento económico que ofrece o noso rural.

xoves, 27 de xuño de 2013

Calendario previsto

Neste novo post queremos darvos a coñecer o calendario aproximado coas datas e lugares onde se celbrarán os diferentes obradoiros.
Estabamos agardando a pechar todas as datas mais debido ao interese pensamos que era bo subilo.
Xa vedes que hai lugares onde aínda non se pecharon datas defintivas pero así podedes facervos unha idea.


Graciñas a todo o mundo polo interese no obradoiro!!

Xuño  
27 e 28 Vilalba
Xullo
16 e 17 Chantada
22 e 23  Redondela


Setembro  
6 e 7 de setembro O Barco 
Do 9 ao 13 de setembro A Estrada
18 e 19   de setembro Verín
Do 23 ao 27 de setembro Ribadeo
Outubro  
2 e 3 de outubro Zas (Baio)
Do 7 ao 11 de outubro Arousa


Lembrade, para máis información: formacioncova@outlook.com

martes, 25 de xuño de 2013

Segundo obradoiro, o 16 e 17 de xullo en Chantada

Continuamos a nosa andaina en Chantada.

Os días 16 e 17 de xullo, en horario de 16 a 21 horas estaremos cunha nova edición do obradoiro "de aquí, xusto e ecolóxico".

Onde?
Nesta ocasión contamos coa colaboración do Sindicato Labrego Galego que nos cede as súas instalacións para celebrar o obradoiro. Será na Rúa Emilia Pardo Bazán, nº 11, Baixo.

E lembra, podes inscribirte no mail: formacioncova@outlook.com, coméntanos o teu nome, idade, teléfono, profesión e nivel de estudos. Tamén podes facelo a través do teléfono 698 16 17 60.
Podedes anotarvos no seguinte formulario:


Deixamos un resumo dos contidos do obradoiro para refrescar.


En que consiste este obradoiro?
Obxectivo do obradoiro: Achegar as diferentes oportunidades laborais que ofrece o noso rural partindo de conceptos clave como son: a agroecoloxía, a sustentabilidade económica, social e medioambiental, a cooperación e a soberanía alimentaria.
Contidos obradoiro:
Día 1
  • Presentación programa
  • Por que ecolóxico, por que local e por que xusto?
  • Presentación da guía: Como facermos un rural xusto e ecolóxico.
  • Relator/a convidado/a
  • Os recursos locais (tipos e identificación)
Día 2
  • Presentación dunha experiencia de emprendemento de éxito no rural
  • Traballo en grupos
  • Partes dun plan de empresa
  • modelo cooperativo
  • Financiamento alternativo
Un total de 9 obradoiros de sensibilización e formación en diferentes concellos das catro provincias galegas a través dos que achegar á mocidade as oportunidades éticas e socialmente responsables de emprendemento económico que ofrece o noso rural.

luns, 17 de xuño de 2013

Arranca “De aquí, xusto e ecolóxico. O rural como motor de cambio”


Xa imos comezar coa andaina. A próxima semana arrancamos en Vilalba co primeiro obradoiro!!  É do voso interese? Aquí vai máis información para que vos inscribades:
Duración: 10 horas
Datas: xoves 27 e venres 28 de xuño
Hora: 16.00 a 21.00 h
Lugar: 3º andar da Casa do Concello (Praza da Constitución, nº1) Vilalba
Nº prazas: 20
Inscricións en: formacioncova@outlook.com. Indicando: Nome, apelidos, idade, teléfono, enderezo, nivel de estudos e profesión. Dado que o obradoiro é de balde as prazas outorgaranse por rigorosa orde de inscrición.

En que consiste este obradoiro?
Obxectivo do obradoiro: Achegar as diferentes oportunidades laborais que ofrece o noso rural partindo de conceptos clave como son: a agroecoloxía, a sustentabilidade económica, social e medioambiental, a cooperación e a soberanía alimentaria.
Contidos obradoiro:
Día 1
  • Presentación programa
  • Por que ecolóxico, por que local e por que xusto?
  • Presentación da guía: Como facermos un rural xusto e ecolóxico.
  • Relator/a convidado/a
  • Os recursos locais (tipos e identificación)
Día 2
  • Presentación dunha experiencia de emprendemento de éxito no rural
  • Traballo en grupos
  • Partes dun plan de empresa
  • modelo cooperativo
  • Financiamento alternativo
Un total de 9 obradoiros de sensibilización e formación en diferentes concellos das catro provincias galegas a través dos que achegar á mocidade as oportunidades éticas e socialmente responsables de emprendemento económico que ofrece o noso rural.

Os obradoiros desenvolveranse nos meses de xuño, xullo, setembro e outubro, e arrancamos en Vilalba na semana que ven.

xoves, 18 de abril de 2013

De aquí, xusto e ecolóxico. O rural como motor de cambio.


Obradoiros de formación sobre as oportunidades de emprendemento nun rural sustentable e baixo os principios dun comercio xusto.

Experiencias de éxito do Sur e do Norte.

 A Asociación Cultural e de Cooperación A Cova da Terra, xunto coas ONGD’s Panxea, Sodepaz e Taller de Solidariedade, presentan o proxecto: De aquí, xusto e ecolóxico, dentro da proposta de traballo Sensibilizando á mocidade rural galega, financiada pola Xunta de Galicia, co que se pretende achegar á poboación moza de Galicia as diferentes oportunidades laborais que ofrece o noso rural partindo de conceptos clave como son: a agroecoloxía, a sustentabilidade económica, social e medioambiental, a cooperación e a soberanía alimentaria.
A proposta é coordinar unha serie de obradoiros de sensibilización e formación en diferentes concellos das catro provincias galegas sobre a temática mencionada a través dos que achegar á mocidade as oportunidades éticas e socialmente responsables de emprendemento económico que ofrece o noso rural.
 Para máis información: formacioncova@outlook.com